Visitas

26 de setembro de 2014


CADELIÑA

Cadeliña ten seis anos e segue a ser Cadeliña, cariñosa e maternal con todos agás cos gatos aos que lles ten pánico. Todas as roldadas de cans e nenos da familia pasaron polos seus amantes coidados.

O que a ten alterada nas últimas semanas é o bruar dunhas máquinas roendo no monte de Ramil onde habitualmente lle foxen os corzos na fraga impenetrábel. Se acudise ás reunións parroquiais sabería que están a abrir as pistas da concentración.

Finalmente púidolle a curiosidade e decidiu saír a explorar. O que non tiña previsto era que a acompañasen os filliños da Maia, catro cadeliños de apenas un mes con grande afecto e dependencia da súa nanny canina.

Descubrín a grande evasión pasadas un par de horas. Chovera a reo nos días anteriores e as novas pistas estaban enlamadas. Desde o cuarto onde estaba a ler chegábame o eco de laios animais. Calcei as catiuscas, crucei o pasteiro e o rego e cheguei á orixe dos saloucos: dous cadeliños entrampados nunha poza. Collinos nos brazos para lles dar calor contra o meu corpo e voltei a todo correr cara a casa para lles dar un baño quente, preocupada pola sorte do resto da tropa. Alimentados e secos, deixei os resgatados na casa e saín á procura dos outros. Chamando por eles cheguei á Granda. Fidel, á porta da corte, chamou por min:

"Xa sei por que vés, pero non están aquí". Avisou Teixoeiras, a quen lle apareceran na casa unha cadela e un cadeliño. As Teixoeiras son case a última casa da parroquia, está a uns dous quilómetros. Saín fungando polo coche, a fume de carozo polas pistas, até a granxa onde Cadeliña paseaba como se fose da casa, co canciño enchoupado e acubillado contra a porta da cociña onde non lle deixaran entrar. Chimparon de ledicia ao me ver e escoitar. Cadeliña foi para o maleteiro e o pequecho, envolveito nunha toalla, entre os meus pés. Con todo, a miña preocupación ía en aumento porque seguía a faltar un dos cans, precisamente o máis guapiño, que me habían vir buscar ao día seguinte.

A sorte foi que decidín volver pola estrada de Val de Calvos. Ao pé das casas xuntárase un corro de xente. Parei o coche para preguntar polo cadelo e alí estaba o coitado, no medio dos curiosos que se preguntaban quen tería as entrañas tan podres como para abandonar unha criaturiña tan xeitosa. Ao me recoñecer brincou de ledicia e adornoume o pantalón cunhas fermosas pegadas das súas poutas lamacentas. Fixen del outro fardelo nunha toalla seca e, por fin, voltei a casa para xuntar toda a familia que a Cadeliña sementara.

Clementina Solinhac


Agora, despois de seis anos deste sucedido, temos que operar a Cadeliña. Xa a operaramos hai uns anos (houbo que sacarlle unha das patas dianteiras, porque lla pillou un coche) e agora ten cancro (aínda que a collemos a tempo, porque non ten metástase). Hai que sacarlle as tetas e a matriz. O caso é que siga con nós un tempo máis, o máximo posible, porque ela é feliz e nós con ela tamén.

Ningún comentario: