Visitas

27 de decembro de 2014


AVELINA MOUZO LEIS

Avelina Mouzo Leis vén de facer 110 anos e é a avoa de Galiza.

9 de outubro de 2014


A GRAN FARSA AUTOANÉMICA

Onte houbo debate sobre o estado da nación, aínda que o que se escenificou por parte do peor presidente da historia da Xunta foi unha farsa non autonómica, senón autoanémica.

Nunca tan mal estivo este país. Nen sequera durante o fraguismo. A nación galega está en estado de colapso, como moi ben analisa Beiras nas súas intervencións.

Frijol (ou Habichuela) semella o rei Minos, masacrando á xente do común para que a Troika estexa satisfeita. Dá noxo tamaña falta de escrúpulos.

29 de setembro de 2014


MÁIS INCERTEZAS

Sigo coa miña prédica, como diría o meu admirado Xosé Manuel Beiras.

Incertezas no sentido de cousas que non son certas.

Se botamos o ollo ó texto estatutario, dísenos que o español e o galego son cooficiais en Galiza (na administrativa, enténdaseme ben) porque todo o mundo ten o DEREITO de USAR eses dous idiomas.

Mais o texto constitucional de tres anos atrás, de rango superior ó estatutario e con vixencia en todo o Estado, dinos que todo o mundo ten a OBRIGA de SABER o español e o DEREITO a o USAR.

O DEREITO a USAR o español aparece por duplicado (non vaia ser que nos esqueza), pero... u-lo DEBER de COÑECEMENTO do galego no Estatuto?

Se só hai obriga para un dos idiomas, malamente poderemos falar -faino o Estatuto- de cooficialidade. Por iso digo eu sempre que o galego está legalizado, pero non é (co)oficial.

E iso que o galego é o idioma PROPIO de Galiza (tamén segundo o Estatuto), o cal quere dicir, por omisión, que o español non o é. E se non é PROPIO, só pode ser ALLEO. O que non é endóxeno é exóxeno, non hai máis.

Aínda ben que, por riba do DEREITO a NON SABER galego, está o DEREITO a o USAR.

Por certo, que ó español non lle chaman polo seu nome, pero iso xa é fariña doutro saco. Algún día destes falarei das incertezas que supoñen algúns nomes que se lles dan a algúns idiomas. Fica pendente para unha próxima prédica.


INCERTEZAS

Véndesenos a moto constantemente.

Cando nos din que as NOMIGA están elaboradas pola RAG, é dicir, Real Academia Galega, isto non é certo. Esa institución nen é DA LINGUA nen as persoas que a integran son filólogas (algunha que outra hai, pero non todas). As NOMIGA, elaboradas en 1982, legalizadas en 1983 (falarei despois disto) e revisadas en 1995 e, máis a fondo, en 2003 (tamén farei referencia a isto despois) son da autoría do Instituto da Lingua Galega. Neste caso si, DA LINGUA.

Retomamos a chamada Lei de Normalización Lingüística: segundo esta lei, quen ten a última palabra sobre a estandarización do galego é a RAG -e non o ILG-. Claro despropósito, porque non ten pés nen cabeza que unha institución que non é lingüística pinche e corte en temas lingüísticos. Algo así como a negación da ciencia. Boa proba diso é que a xente ten que andar tirando coa gramática -do ILG, agora si- de 1986!!!, por máis que a RAG nos teña prometido, xa desde 2003, unha 'nova' gramática, consonte as NOMIGA na súa versión dese mesmo ano. Estamos, como é sabido, en 2014 e seguimos na mesma.

A revisión de 2003 foi froito dun acordo entre o ILG e a ASPG (Asociación Sociopedagóxica Galega). Despois, a tal RAG, rebaixou ou recurtou o texto e as escollas segundo lles petaba ós seus compoñentes (daquela aínda non chegaran as rebaixas ou recurtamentos dos que se fala tanto agora, mais en economía e non en lingüística), facendo mangas e capirotes co acordo entre aquelas dúas institucións. Da primeira son as NOMIG. Certo é que a segunda non é un organismo lingüístico, mais tamén é certo que obraba en consecuencia. Xa no ano 1980 sacara á luz as súas Orientacións (que non normas) para a escrita do noso idioma. Cando finalmente sentan a falar e chegan a un acordo, aparece a RAG e mete a tesoura no tal acordo.

Isto é así polo xa explicado anteriormente: unha institución 'ovni' que non é DA LINGUA, é dicir, especialista en materia lingüística, dita, ordena e manda nun eido ou terreo que non é da súa competencia (a todo isto, non sei cal pode ser a competencia da RAG, de aí o de ovni ou, como di un amigo meu, nen está nen se lle espera)

Digo eu que xa está ben de velas vir e deixalas pasar, non si?


APUNTAMENTOS TOPONÍMICOS (II)

Como é sabido, a chamada Lei de normalización lingüistica, de 1983, deixa ben claro que os topónimos da Galiza administrativa só serían válidos baixo a forma correcta e, xa que logo, non serían legais as deturpacións, frecuentes en épocas anteriores.

Esta lei di, tamén, que se formará unha Comisión de Toponimia, a efectos de elaborar un Nomenclátor, coas formas propias da nosa toponimia.

Pois ben, deixando a parte que nen se cumpre en todos os casos a lei vixente desde hai trinta e un anos e deixando tamén a un lado a desinformación total sobre a tal Comisión de toponimia -Que persoas a compoñen? Son especialistas (filólogos/as)? Onde está a súa páxina na rede ou, cando menos, unha ligazón para chegarmos a ela? De que organismo depende? (se é que depende dalgún), etc-, o caso é que hai un nomenclátor (na páxina da Xunta) no que aparece o inventario toponímico da Galiza administrativa.

Se, como vimos anteriormente, xa comezamos mal, cunha forma errada no topónimo que nomea o país... Que non haberá de errado na toponimia menor a aquela (concellos, parroquias, lugares, ríos, montes, etc.)?

Comecemos con algúns exemplos, todos eles de nomes de concellos.

O agora oficial *PORTO DO SON, con seseo e falsa segmentación. Outro concello, tamén galego, leva por nome DOZÓN. Está claro que, con seseo, pronúnciase igual *PORTO DO SON que *PORTO DOSÓN. A forma correcta é, por tanto, PORTO DOZÓN, non recollida no nomenclátor.

Outro concello chámase, segundo o nomenclátor, *Zas. Aquí o que hai é o caso contrario ó anterior exemplo, é dicir, unha ultracorrección para evitar un inexistente seseo. De SALAS só pode dar SAS ( > SAAS > SAS), con caída do -l- (ele intervocálico) e posterior crase de as. E así é como aparece, noutros casos, no propio nomenclátor: SASVEDRAS (de SALAS VETERAS), SASDÓNIGAS (DE SALAS DOMINICAS), etc. Mais aquí non corrixen a forma espuria ou deturpada.

Vaiamos cun terceiro concello: *O GROVE. Esta é a forma oficial vixente. Só con vermos o étimo é moi fácil sabermos que non é a forma propia: OCOBRIX, que dá OGROBE e nunca *O GROVE. Aínda que haxa unha metátese -sen ela o esperable sería *OGOBRE, cfr. PAUPER > pobre > probe (vulg.)- sabemos que todo étimo con be implica un patrimonialismo tamén con esa letra: MIRABILIA > MARABILIA > marabilla, SEPTEM BELLUM > setebelo. OGROBE, por tanto.

Finalizamos, por agora, cun cuarto topónimo incorrectamente oficial: *A CAÑIZA. Se de CANNU > cano e de CANNA > cana (en español caño e caña) nunca pode ser correcta a forma con eñe, pois -nn- > -n- e, daquela, teremos que dicir que o correcto é A CANIZA. O mesmo que cano en, por exemplo, facer un cano ou cana en cana de cervexa.



Continuaremos.

26 de setembro de 2014


CADELIÑA

Cadeliña ten seis anos e segue a ser Cadeliña, cariñosa e maternal con todos agás cos gatos aos que lles ten pánico. Todas as roldadas de cans e nenos da familia pasaron polos seus amantes coidados.

O que a ten alterada nas últimas semanas é o bruar dunhas máquinas roendo no monte de Ramil onde habitualmente lle foxen os corzos na fraga impenetrábel. Se acudise ás reunións parroquiais sabería que están a abrir as pistas da concentración.

Finalmente púidolle a curiosidade e decidiu saír a explorar. O que non tiña previsto era que a acompañasen os filliños da Maia, catro cadeliños de apenas un mes con grande afecto e dependencia da súa nanny canina.

Descubrín a grande evasión pasadas un par de horas. Chovera a reo nos días anteriores e as novas pistas estaban enlamadas. Desde o cuarto onde estaba a ler chegábame o eco de laios animais. Calcei as catiuscas, crucei o pasteiro e o rego e cheguei á orixe dos saloucos: dous cadeliños entrampados nunha poza. Collinos nos brazos para lles dar calor contra o meu corpo e voltei a todo correr cara a casa para lles dar un baño quente, preocupada pola sorte do resto da tropa. Alimentados e secos, deixei os resgatados na casa e saín á procura dos outros. Chamando por eles cheguei á Granda. Fidel, á porta da corte, chamou por min:

"Xa sei por que vés, pero non están aquí". Avisou Teixoeiras, a quen lle apareceran na casa unha cadela e un cadeliño. As Teixoeiras son case a última casa da parroquia, está a uns dous quilómetros. Saín fungando polo coche, a fume de carozo polas pistas, até a granxa onde Cadeliña paseaba como se fose da casa, co canciño enchoupado e acubillado contra a porta da cociña onde non lle deixaran entrar. Chimparon de ledicia ao me ver e escoitar. Cadeliña foi para o maleteiro e o pequecho, envolveito nunha toalla, entre os meus pés. Con todo, a miña preocupación ía en aumento porque seguía a faltar un dos cans, precisamente o máis guapiño, que me habían vir buscar ao día seguinte.

A sorte foi que decidín volver pola estrada de Val de Calvos. Ao pé das casas xuntárase un corro de xente. Parei o coche para preguntar polo cadelo e alí estaba o coitado, no medio dos curiosos que se preguntaban quen tería as entrañas tan podres como para abandonar unha criaturiña tan xeitosa. Ao me recoñecer brincou de ledicia e adornoume o pantalón cunhas fermosas pegadas das súas poutas lamacentas. Fixen del outro fardelo nunha toalla seca e, por fin, voltei a casa para xuntar toda a familia que a Cadeliña sementara.

Clementina Solinhac


Agora, despois de seis anos deste sucedido, temos que operar a Cadeliña. Xa a operaramos hai uns anos (houbo que sacarlle unha das patas dianteiras, porque lla pillou un coche) e agora ten cancro (aínda que a collemos a tempo, porque non ten metástase). Hai que sacarlle as tetas e a matriz. O caso é que siga con nós un tempo máis, o máximo posible, porque ela é feliz e nós con ela tamén.

20 de setembro de 2014


APUNTAMENTOS TOPONÍMICOS (I)

Comezarei esta serie co topónimo por antonomasia, isto é, o nome do meu país.

Galiza ou Galicia?

A resposta é Galiza.  E isto é así por varios motivos.

Na nosa documentación medieval aparece apenas Galiza.

A forma esperable de CALLAECIA (logo GALLAECIA) é Galeza, forma que non aparece nunca, mais vexamos o que din as NOMIG do Instituto da Lingua Galega sobre isto:

Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia, etc. 

Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.
 
Teñen terminación -cio formas coma anuncio, artificio, beneficio, bulicio, cartapacio, cilicio, comercio, consorcio, desperdicio, divorcio, edificio, exercicio, ficticio, hospicio, maleficio, necio, negocio, nuncio, oficio, orificio, palacio, patricio, precipicio, prefacio, propicio, sacerdocio, sacrificio, silencio, socio, vicio, xentilicio, etc.
 
Noutras palabras o galego conserva as formas con solución patrimonial -zo, -za: andazo, avinza, cansazo, cobiza (cobizar, cobizoso, etc.), crenza (descrenza), diferenza (indiferenza), doenza, espazo (espazar, espazoso), estanza (‘estrofa’), finanza (financeiro), graza (desgraza), habenza, licenza, nacenza (renacenza), novizo, perseveranza, pertenza (xunto ao cultismo pertinencia, con significado diferente), postizo, preguiza (preguiceiro, preguizoso), presenza, prezo (desprezo, menosprezo, prezar, desprezar), querenza (benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo (servizal), tenza (mantenza), terzo (terza, terzá, terzar), xuízo (axuizar, prexuízo), xustiza (axustizar, inxustiza, xusticeiro)

A maioría delas son formas xa amplamente documentadas desde antigo na nosa lingua, e algunhas son préstamos que se incorporaron con esta solución (estanza, finanza...)

Por que mesturan allos con bugallos e din que Galiza é o mesmo que farmacia ou eficacia, sen, por certo, explicaren que estas formas entran con iode porque entran no idioma cando xa non rexe a lei da caída do tal iode? Así, farmacia é unha palabra de orixe grega, pero non chega ó noso idioma até antonte, como quen di (a maioría da xente galegofalante inicial di botica e non farmacia, eis unha proba), mentres que palabras como pazo ou vergonza (variante de vergoña e que non aparece na enumeración), ben patrimoniais a todo isto, teñen, no galego popular, as formas pazo ~ pacio e vergonza ~ vergoncia, e que, ademais, as formas con -cia van desaparecendo perante o avanzo das formas con -za (en moitos lugares chamados Pacio(s) a xente di pazo e non pacio)

Pazo ~ Pacio é a resultante de PALATIU > paaço > paço > pazo con caída do -l- (ele intervocálico), crase vocálica, conversión de [lj] en ç, logo en z (en galego actual non hai oposición xorda [s] / sonora [z]) [con seseo ou sen el] nunha zona (cada mez máis) maioritaria do territorio lingüístico galego.

Pois o mesmo debera pasar con Galiza ~ Galicia. E digo debera pasar porque no galego popular só se escoita *Galicia. Isto é debido a erosión, como *gallego por galego ou *Dios por Deus. Entón, por que utilizan un criterio para pazo e outro para Galiza, cando son formas que esixen un tratamento similar?

O papo que teñen é máximo cando din que Galicia é a forma toponímica oficial do noso país, aínda recoñecendo que Galiza é, tamén (sic), lexítima (ou sexa, propia) e que está documentada no galego medieval.

En español a forma esperable sería Gallicia (documentada no español antigo), aínda que despois foise xeneralizando Galicia (no español posterior e, insisto, por erosión, no galego posterior)

Sinalemos, a maiores, que 'esquecen' a forma Franza. No nomenclátor da Galiza administrativa é chamada así, con toda lóxica, é dicir, Franza, unha parroquia do Concello de Mugardos. Daquela... por que nos dicionarios aparece Francia, coa carga semántica de Estado Francés ou Hexágono?

Todo isto demostra que a decisión de consagraren Galicia e desbotaren Galiza é política e non lingüística, pois os seus argumentos (cando existen) non se sosteñen a ollos da ciencia lingüística.


19 de setembro de 2014


A LECCIÓN DO REINO UNIDO

Nas últimas eleccións ó parlamento escocés gañou, obtendo a maioría absoluta, o SNP, claramente independentista. Unha promesa electoral desa formación política era a celebración dun referendo ou plebiscito sobre a independencia de Escocia (Alba, en gaélico escocés) no caso logo resultante: maioría absoluta nesas eleccións.

O primeiro ministro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, lonxe de soltar insultos e ameazas, sentouse a falar co presidente do parlamento escocés. A conclusión á que chegaron foi a máis lóxica e normal nun contexto democrático: o pobo escocés sería interrogado sobre este tema.

Ben, isto ocorreu onte. Gañou o non á independencia escocesa por 10 puntos porcentuais. A min gustaríame que gañase o si, pero, afortunadamente, os destinos dun pobo, o escocés neste caso, decídeos a maioría dese pobo, previa consulta. Por tanto, nada que dicir. Xa haberá oportunidade de facer outro referendo (non sei cantos anos teñen que pasar, segundo a ONU), do mesmo xeito que xa houbo varios plebiscitos en Noruega pola entrada ou non na Unión Europea (así a chaman), coido que tres até a data, e en todos eles a maioría do pobo noruegués dixo que non querían saber nada da chamada Unión Europea. Sirva este exemplo a modo de idem.

Hai que ter en conta que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte é un estado federal, constituído, tamén legalmente, por catro nacións: Inglaterra (England), Gales (Cymru), Escocia (Alba) e Irlanda do Norte, aínda que esta última non é unha nación, do mesmo xeito que tampouco non o é a independente República de Irlanda. A nación irlandesa é toda Irlanda (Eire, en gaélico irlandés)

Consecuentemente, e se tomamos como exemplo o fútbol, resulta que non hai selección do Reino Unido (abrevio), mais si catro seleccións, unha por cada nación.

Todo isto é completamente democrático... nada a ver co que ocorre nos estados español, francés e italiano, onde se criminaliza o dereito de autodeterminación.



17 de setembro de 2014


Aquostic

AQUOSTIC

Eis o nome do álbum que a lendaria banda Status Quo sacará ó mercado xusto de agora nun mes.

Trátase dun disco de autoversións de temas clásicos do grupo, pero con son e guitarras acústicas e non un traballo de temas novos.

Persoalmente paréceme unha magnífica idea, despois de corenta e oito anos de traxectoria e trinta e dous álbumes de estudio (contando o ano e o traballo actuais)

Non oculto que este é o meu grupo preferido e xa estou debecendo por escoitar eses vellos -ou non tan vellos- temas nun formato ben diferente... E nada menos que vinte e cinco cancións.

Isto promete!!!!


16 de setembro de 2014


PROGRESA ADECUADAMENTE

Finalmente, cuartos. E puidemos quedar terceiros, ou sexa, bronce, nun partido moi igualado contra a selección de Franza. Coas baixas de Kleiza, Javtokas e, moi especialmente, Kalnietis, non debemos dar como mau o resultado final do torneo da selección lituana de baloncesto. Lituania pode estar satisfeita este ano co seu krepsinis.


10 de setembro de 2014


TRIAR DEMOCRÀCIA. DES DE GALÍCIA

Ha arribat l'hora. Catalunya ha de triar. Front als atacs constants dels estats espanyol i francès, la ciutadania de tot Catalunya (inclosa la del Nord i la de Ponent) ha de dir si vol continuar arraconada, esmicolada  i menystenida o bé ser lliure, és a dir, tenir el seu propi estat independent.

Com a independentista gallec, em solidaritzo amb el poble català tot recolzant la seva independència. Som uns quants gallecs i gallegues ficats en aquesta tasca enguany. Fins i tot existeix una associació d'amistat o agermanament entre Galícia i Catalunya, a favor d'anar cap a un procès democràtic, sense embuts, amb la força de la paraula i amb un projecte net i clar, la República de Catalunya.

No debades, la primera força a les darreres eleccions a la Catalunya administrativa ha estat ERC, partit polític clarament independentista, cosa que no passava des de l'època dels presidents Macià i Companys.

Salut i independència, poble català: teniu la força de la llibertat, si així ho voleu. França i Espanya, si es consideren democràcies de debò, hauran de respectar el que digui el poble català i no posar-hi entrebancs de cap de les maneres.

www.galizaconcatalunya.org

6 de setembro de 2014


INÉDITOS MALGRÉ EUX

COS SEUS OLLOS DE AROUSA

os seus ollos de Arousa vai Daniel amodiño polas rúas esculcando recantos. Coida ás veces descubrir furnas cheas de salaios de algún afastado mar. Se pasan mulleres para o mercado, os ollos de Daniel reflicten nubes, gaivotas, ramos... Vainas pescudando... Un intre as pedras alédanse. Daniel, de xovenciño, xa adoutrinado no devalar das horas no Atlántico, vaise decatando do xermolar primaveral e dos outonizos salaios da cidade... Mais ao tempo de gozar sofre. Por que as xentes non teiman escoitar a fala das horas de Santiago?

Daniel ama aos labregos e aos mariñeiros. Nos entoados soportais pasea o señorío un vello paisano, cheiro de eido, de eido e traballo fatigado, co baixo rumor dos zocos, rendemento e medida do esgrevio da terra, e os ollos claros, verdecentes, como pozancas dos salseiros nos penedos, é por moitos desprezado, ignorado, ou tido por elemento dunha paisaxe serva... 

Daniel ségueo cos ollos, figúraselle máis fermosa a rúa, como se fora de néboas e luz de Arousa feita a nobre harmonía, mira no labrego a vontade e a ilusión erguedoira das torres... E debúxao. Sabe, amantiño, guloso de fraternidade, apañar o sorrir, a faciana labourada polo traballo, as mans... As xentes, consideran quizás con ar de crítica os debuxos, rin, téñenos por graciosos, son "caricaturas" dos paisanos. E Daniel cala e traballa. Cada riscadela do seu lapis leva un acento de dor, de beleza, de esquencemento. Os vellos con alma de neno trasposta no ollar, os cegos coa cova e a tampa xeada dos ollos, o meniño, sepultura da estudantina chaman. Unha foula de alegría enche a badía e os peiraos da cidade. Daniel ri co esqueleto na clase de Anatomía. Ten amor e simpatía polo irónico esqueleto... Cruzando o Hospital couta as bágoas, vai ceibando consolos. A un doente fálalle do seu val e rise con el das charranadas dos caciques, un groso tinque de fixo amparado por algúns daqueles cabaleiros esgumiados, de alto colo, paseantes polos soportais. Se é mociña parola con ela dos seus namoros. Non hai mellor médico do que Daniel. E até estuda un pouco. Ten de compracer a Don Ánxel. Con Don Ánxel fala o estudante da vila de Rianxo... Sempre colleu o barco triste Daniel para a deixar... A gris mañá devaladoira, as gorxas duras das pesqueiras, a figura liviá co gran sombreiro negro e bohemio do artista reflectindo na auga... Moitos mares habíana de reflectir polo mundo. El levaba a luz da Arousa nos ollos... de estudante, aplaudido, grande "Kapel master" da farra e do humor, espallando ideas ao vento como flores unha belida árbore, despois soado artista, home feito de terra e de espírito galego, Daniel chegaba polas rúas compostelás co mesmo degoiro, deixándose levar pola tristura e transcendencia da cidade.

Desde os primeiros días para el se descubría Santiago. Faloulle en galego e Compostela respondeulle leda. Falou en galego co Rei David. Falou na roda e concerto dos velliños inspirados do Pórtico. Para el descubriría a zanfona, e con ela os vellos instrumentos románicos, unha música en galego romance. En galego falou aos bechos das basas: non tiveron noxo e el non tiña medo, con el serían capaces de saír ao mundo. Soubo parolar co apóstolo pescador. Nos fondos silencios da catedral mandara de aquí para alá a liviá forma non rematada da onda, e o latexar das froumas co debuxar de Daniel... Á súa figura, esguía e longal, ía rente aos espesos muros de pedra e quedaban consolados da súa nudez, do seu cotián testemuñar inmortalidade. Chiscáballe o ollo ás gárgolas. O mal... para Daniel o mal resolvíase nunha caricatura. Pois nela latexa unha posibilidade de amor. Sempre fica a esperanza do home...

Moitas veces temos percorrido, calando as máis, outras "falando das nosas cousas" o Santiago devolveito pola noite á sinceridade e beleza do soño, e á chea verdade devaladoira. O "Parvís de Notre Dame", América, Rusia, os museos do mundo coñeceron e respectaron ao artista. E sería ditoso con esta definición da súa carreira: saír de Rianxo, chegar a Santiago, e no medio o mundo... Acordaba cediño para descubrir o primeiro lucir do sol, feito "Año de Deus" no cumio das igrexas románicas de Santiago. Santiago quedoulle agradecido, non o pode esquecer. Pois fixo novamente falar en galego ás pedras até entón mortiñas de xeadas glosas... Cos seus ollos de Arousa o derradeiro sen luz Daniel gardou a luz de Compostela.

Ramón Otero Pedrayo


Este relato fai parte dun libro inédito chamado Do San Lucas ao San Xoán (Sazóns de Compostela), datado en 31 de agosto de 1957 e da autoría do xenial Ramón Outeiro Pedrallo.

Como é que este libro non está publicado? Quen ten os dereitos? En que paradoiro ben coñecido está? Quen isto escribe sabe as respostas, así que a largar.

Pois ben, a Editorial Galaxia ten os dereitos sobre as obras de Don Ramón. A que agarda para o publicar? Sabido é (mais ben poucos e poucas falan diso) que o manuscrito está na biblioteca do esquecible Domingo García Sabell (agora, imaxino, en poder da súa non menos esquecible filla Teresa)

Ese texto, como moitos outros, é patrimonio nacional galego e, xa que logo, ha de ser descatalogado (ou, se cadra, exhumado) e publicado por Galaxia. Iso si, sen as chafalladas prostitutorias executadas por alguén que nen é quen de pór o seu nome e fica no covarde anonimato, despois de utilizar os textos do Pedrallo como banco de probas "lingüísticas" (tal barbaridade non a faría a miña sobriña de quince anos). Cantas veces haberá que dicir e escribir que, cando se trata dun texto anterior á fixación do galego estándar, hai que tratalo como é debido, cunha edición crítica e con criterios de edición e non pasarlle o túrmix do galego estándar. Ou é que o señor de Trasalba escribía mal? Xa era o que nos faltaba! Pois en case todos os libros da autoría de don Ramón editados pola mencionada Galaxia fixéronse as cousas dese xeito tan pouco xeitoso. Noutros casos, as cousas están por facer... en 2014.

Manda truco!

5 de setembro de 2014


IDIOMES YA IDIOMES

Ta acabante salir a la lluz un llibru -el primeru n'asturianu- qu'analiza, dende una perspectiva global, el motiu por el cual, acordies con autores tan señalaos como David Crystal o Carme Junyent, ca vuelta más idiomes tán en fase de desaniciu. Nel añu 2000, autores como estos señalaben al altu la lleva que, nun sieglu, desapaeceríen alrodiu'l 90% de los idiomes del mundu. O seya, que ca dos selmanes -si facemos una media- tamos diciendo adieu a un idioma.

Razón llevaba -y bien d'ello- aquella profesora que dixera más d'una vuelta que lo que la xente de la cai pescancia como 'aprender idiomes' nun se refería al asturianu, nin al comanche, nin al lingala, nin al sami, que 'idiomes' yeren l'inglés, el francés, l'alemán, a too estirar l'español o l'italianu. Vamos, que, forciando la metonimia, 'idiomes' yera l'inglés.

www.trabe.org/llibru.asp?id=2182

4 de setembro de 2014


ANDREA

Estou falando da miña tartaruga, que é o meu 'animal de estimação' como din en Portugal.

Ten dez anos e sempre tivo unha saúde de ferro. Unha vez, cando só tiña un ano, escapouse da súa minipiscina e eu veña a procurala pola casa adiante infrutuosamente, até que un día 'apareceu' debaixo dun armario, concretamente seis días despois e chea de po. Miña pobre!

Agora ten unha piscina enorme que merquei nos chineses por catro cadelas e de aí non se safa. Claro, cos anos foi medrando. Teño un caldeiro de dez litros que encho con auga da billa, pero como a auga da billa leva cloro a esgalla, o que fago é deixala repousar vinte e catro horas, así o cloro marcha todo.

Cada día, cando lle dou de comer, só de mirar o bote da comida, comeza a patalexar na auga coa famiña que ten, pero teño que andar con ollo e darlle o alimento xusto que precisa diariamente, porque do contrario podería pillar algún mal de tipo dixestivo (as tartarugas desta especie fan como os cans, non teñen medida, tocante á comida)

Ai, que me esquecía. A especie á que pertence é PSEUDEMYS SCRIPTA.

Ben, deixo unha foto dela:

1 de setembro de 2014


LEMBRANDO

Hai exactamente corenta anos (contados por meses) eu era un neno de apenas seis anos que ía entrar en primeiro ano da extinta EXB, no Colexio Calasanz da miña cidade (e onde estiven os oito anos que duraba a tal EXB)

Teño moi boas lembranzas de todo aquel tempo, malia o tempo decorrido desde aquela. Gardo especial recordo dun profesor, xa xubilado, Juan Sebelón Ferreiro, que me dera aulas en cuarto ano e que foi, no sentido literal e total da palabra, un mestre.

Moitas cousas mudaron desde aquel xa afastado mes de setembro de 1974 (aínda vivía Franco!) e só de pensar que a xente que, daquela, tiña a miña idade actual agora anda polos oitenta e seis outonos, éntrame un arreguizo no espiñazo que me percorre todo o corpo como un lóstrego.

MÁ SORTE A ÚLTIMA HORA

Este ano toca mundial de baloncesto. A miña querida selección lituana está competindo sen tres dos seus mellores xogadores: Linas Kleiza, Robertas Javtokas e Mantas Kalnietis, lesionado este último no derradeiro partido de preparación.

Lituania é o país onde o baloncesto é o deporte rei, pero a falta de bases altamente competitivos é un problema desde sempre. Desde 1992 tivo que xogar de base Sarunas Marciulionis, un auténtico adiantado ó seu tempo, pero resulta que este crack non era base, senón escolta. Máis adiante, desde 1997 e xa retirado o anterior xogador, a selección contou co mellor base lituano de todos os tempos: Sarunas Jasikevicius, pero os anos non perdoan e agora temos un base moi competitivo: Mantas Kalnietis. Pero a má sorte fixo que deslocase unha clavícula e tivo que dicir adeus ó mundial antes de dicir olá.

Aínda así, non perdo a esperanza de que a miña selección quede entre as catro primeiras. Co mellor plantel posible, aspirariamos a medalla con toda certeza.

Selección lituana de baloncesto:  http://en.wikipedia.org/wiki/Lithuania_national_basketball_team_at_the_2014_FIBA_Basketball_World_Cup

Mantas Kalnietis: http://en.wikipedia.org/wiki/Mantas_Kalnietis