Visitas

19 de setembro de 2014


A LECCIÓN DO REINO UNIDO

Nas últimas eleccións ó parlamento escocés gañou, obtendo a maioría absoluta, o SNP, claramente independentista. Unha promesa electoral desa formación política era a celebración dun referendo ou plebiscito sobre a independencia de Escocia (Alba, en gaélico escocés) no caso logo resultante: maioría absoluta nesas eleccións.

O primeiro ministro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, lonxe de soltar insultos e ameazas, sentouse a falar co presidente do parlamento escocés. A conclusión á que chegaron foi a máis lóxica e normal nun contexto democrático: o pobo escocés sería interrogado sobre este tema.

Ben, isto ocorreu onte. Gañou o non á independencia escocesa por 10 puntos porcentuais. A min gustaríame que gañase o si, pero, afortunadamente, os destinos dun pobo, o escocés neste caso, decídeos a maioría dese pobo, previa consulta. Por tanto, nada que dicir. Xa haberá oportunidade de facer outro referendo (non sei cantos anos teñen que pasar, segundo a ONU), do mesmo xeito que xa houbo varios plebiscitos en Noruega pola entrada ou non na Unión Europea (así a chaman), coido que tres até a data, e en todos eles a maioría do pobo noruegués dixo que non querían saber nada da chamada Unión Europea. Sirva este exemplo a modo de idem.

Hai que ter en conta que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte é un estado federal, constituído, tamén legalmente, por catro nacións: Inglaterra (England), Gales (Cymru), Escocia (Alba) e Irlanda do Norte, aínda que esta última non é unha nación, do mesmo xeito que tampouco non o é a independente República de Irlanda. A nación irlandesa é toda Irlanda (Eire, en gaélico irlandés)

Consecuentemente, e se tomamos como exemplo o fútbol, resulta que non hai selección do Reino Unido (abrevio), mais si catro seleccións, unha por cada nación.

Todo isto é completamente democrático... nada a ver co que ocorre nos estados español, francés e italiano, onde se criminaliza o dereito de autodeterminación.



Ningún comentario: