Visitas

Amosando publicacións coa etiqueta Lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingüística. Amosar todas as publicacións

29 de setembro de 2014


MÁIS INCERTEZAS

Sigo coa miña prédica, como diría o meu admirado Xosé Manuel Beiras.

Incertezas no sentido de cousas que non son certas.

Se botamos o ollo ó texto estatutario, dísenos que o español e o galego son cooficiais en Galiza (na administrativa, enténdaseme ben) porque todo o mundo ten o DEREITO de USAR eses dous idiomas.

Mais o texto constitucional de tres anos atrás, de rango superior ó estatutario e con vixencia en todo o Estado, dinos que todo o mundo ten a OBRIGA de SABER o español e o DEREITO a o USAR.

O DEREITO a USAR o español aparece por duplicado (non vaia ser que nos esqueza), pero... u-lo DEBER de COÑECEMENTO do galego no Estatuto?

Se só hai obriga para un dos idiomas, malamente poderemos falar -faino o Estatuto- de cooficialidade. Por iso digo eu sempre que o galego está legalizado, pero non é (co)oficial.

E iso que o galego é o idioma PROPIO de Galiza (tamén segundo o Estatuto), o cal quere dicir, por omisión, que o español non o é. E se non é PROPIO, só pode ser ALLEO. O que non é endóxeno é exóxeno, non hai máis.

Aínda ben que, por riba do DEREITO a NON SABER galego, está o DEREITO a o USAR.

Por certo, que ó español non lle chaman polo seu nome, pero iso xa é fariña doutro saco. Algún día destes falarei das incertezas que supoñen algúns nomes que se lles dan a algúns idiomas. Fica pendente para unha próxima prédica.


INCERTEZAS

Véndesenos a moto constantemente.

Cando nos din que as NOMIGA están elaboradas pola RAG, é dicir, Real Academia Galega, isto non é certo. Esa institución nen é DA LINGUA nen as persoas que a integran son filólogas (algunha que outra hai, pero non todas). As NOMIGA, elaboradas en 1982, legalizadas en 1983 (falarei despois disto) e revisadas en 1995 e, máis a fondo, en 2003 (tamén farei referencia a isto despois) son da autoría do Instituto da Lingua Galega. Neste caso si, DA LINGUA.

Retomamos a chamada Lei de Normalización Lingüística: segundo esta lei, quen ten a última palabra sobre a estandarización do galego é a RAG -e non o ILG-. Claro despropósito, porque non ten pés nen cabeza que unha institución que non é lingüística pinche e corte en temas lingüísticos. Algo así como a negación da ciencia. Boa proba diso é que a xente ten que andar tirando coa gramática -do ILG, agora si- de 1986!!!, por máis que a RAG nos teña prometido, xa desde 2003, unha 'nova' gramática, consonte as NOMIGA na súa versión dese mesmo ano. Estamos, como é sabido, en 2014 e seguimos na mesma.

A revisión de 2003 foi froito dun acordo entre o ILG e a ASPG (Asociación Sociopedagóxica Galega). Despois, a tal RAG, rebaixou ou recurtou o texto e as escollas segundo lles petaba ós seus compoñentes (daquela aínda non chegaran as rebaixas ou recurtamentos dos que se fala tanto agora, mais en economía e non en lingüística), facendo mangas e capirotes co acordo entre aquelas dúas institucións. Da primeira son as NOMIG. Certo é que a segunda non é un organismo lingüístico, mais tamén é certo que obraba en consecuencia. Xa no ano 1980 sacara á luz as súas Orientacións (que non normas) para a escrita do noso idioma. Cando finalmente sentan a falar e chegan a un acordo, aparece a RAG e mete a tesoura no tal acordo.

Isto é así polo xa explicado anteriormente: unha institución 'ovni' que non é DA LINGUA, é dicir, especialista en materia lingüística, dita, ordena e manda nun eido ou terreo que non é da súa competencia (a todo isto, non sei cal pode ser a competencia da RAG, de aí o de ovni ou, como di un amigo meu, nen está nen se lle espera)

Digo eu que xa está ben de velas vir e deixalas pasar, non si?


APUNTAMENTOS TOPONÍMICOS (II)

Como é sabido, a chamada Lei de normalización lingüistica, de 1983, deixa ben claro que os topónimos da Galiza administrativa só serían válidos baixo a forma correcta e, xa que logo, non serían legais as deturpacións, frecuentes en épocas anteriores.

Esta lei di, tamén, que se formará unha Comisión de Toponimia, a efectos de elaborar un Nomenclátor, coas formas propias da nosa toponimia.

Pois ben, deixando a parte que nen se cumpre en todos os casos a lei vixente desde hai trinta e un anos e deixando tamén a un lado a desinformación total sobre a tal Comisión de toponimia -Que persoas a compoñen? Son especialistas (filólogos/as)? Onde está a súa páxina na rede ou, cando menos, unha ligazón para chegarmos a ela? De que organismo depende? (se é que depende dalgún), etc-, o caso é que hai un nomenclátor (na páxina da Xunta) no que aparece o inventario toponímico da Galiza administrativa.

Se, como vimos anteriormente, xa comezamos mal, cunha forma errada no topónimo que nomea o país... Que non haberá de errado na toponimia menor a aquela (concellos, parroquias, lugares, ríos, montes, etc.)?

Comecemos con algúns exemplos, todos eles de nomes de concellos.

O agora oficial *PORTO DO SON, con seseo e falsa segmentación. Outro concello, tamén galego, leva por nome DOZÓN. Está claro que, con seseo, pronúnciase igual *PORTO DO SON que *PORTO DOSÓN. A forma correcta é, por tanto, PORTO DOZÓN, non recollida no nomenclátor.

Outro concello chámase, segundo o nomenclátor, *Zas. Aquí o que hai é o caso contrario ó anterior exemplo, é dicir, unha ultracorrección para evitar un inexistente seseo. De SALAS só pode dar SAS ( > SAAS > SAS), con caída do -l- (ele intervocálico) e posterior crase de as. E así é como aparece, noutros casos, no propio nomenclátor: SASVEDRAS (de SALAS VETERAS), SASDÓNIGAS (DE SALAS DOMINICAS), etc. Mais aquí non corrixen a forma espuria ou deturpada.

Vaiamos cun terceiro concello: *O GROVE. Esta é a forma oficial vixente. Só con vermos o étimo é moi fácil sabermos que non é a forma propia: OCOBRIX, que dá OGROBE e nunca *O GROVE. Aínda que haxa unha metátese -sen ela o esperable sería *OGOBRE, cfr. PAUPER > pobre > probe (vulg.)- sabemos que todo étimo con be implica un patrimonialismo tamén con esa letra: MIRABILIA > MARABILIA > marabilla, SEPTEM BELLUM > setebelo. OGROBE, por tanto.

Finalizamos, por agora, cun cuarto topónimo incorrectamente oficial: *A CAÑIZA. Se de CANNU > cano e de CANNA > cana (en español caño e caña) nunca pode ser correcta a forma con eñe, pois -nn- > -n- e, daquela, teremos que dicir que o correcto é A CANIZA. O mesmo que cano en, por exemplo, facer un cano ou cana en cana de cervexa.



Continuaremos.

20 de setembro de 2014


APUNTAMENTOS TOPONÍMICOS (I)

Comezarei esta serie co topónimo por antonomasia, isto é, o nome do meu país.

Galiza ou Galicia?

A resposta é Galiza.  E isto é así por varios motivos.

Na nosa documentación medieval aparece apenas Galiza.

A forma esperable de CALLAECIA (logo GALLAECIA) é Galeza, forma que non aparece nunca, mais vexamos o que din as NOMIG do Instituto da Lingua Galega sobre isto:

Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia, etc. 

Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.
 
Teñen terminación -cio formas coma anuncio, artificio, beneficio, bulicio, cartapacio, cilicio, comercio, consorcio, desperdicio, divorcio, edificio, exercicio, ficticio, hospicio, maleficio, necio, negocio, nuncio, oficio, orificio, palacio, patricio, precipicio, prefacio, propicio, sacerdocio, sacrificio, silencio, socio, vicio, xentilicio, etc.
 
Noutras palabras o galego conserva as formas con solución patrimonial -zo, -za: andazo, avinza, cansazo, cobiza (cobizar, cobizoso, etc.), crenza (descrenza), diferenza (indiferenza), doenza, espazo (espazar, espazoso), estanza (‘estrofa’), finanza (financeiro), graza (desgraza), habenza, licenza, nacenza (renacenza), novizo, perseveranza, pertenza (xunto ao cultismo pertinencia, con significado diferente), postizo, preguiza (preguiceiro, preguizoso), presenza, prezo (desprezo, menosprezo, prezar, desprezar), querenza (benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo (servizal), tenza (mantenza), terzo (terza, terzá, terzar), xuízo (axuizar, prexuízo), xustiza (axustizar, inxustiza, xusticeiro)

A maioría delas son formas xa amplamente documentadas desde antigo na nosa lingua, e algunhas son préstamos que se incorporaron con esta solución (estanza, finanza...)

Por que mesturan allos con bugallos e din que Galiza é o mesmo que farmacia ou eficacia, sen, por certo, explicaren que estas formas entran con iode porque entran no idioma cando xa non rexe a lei da caída do tal iode? Así, farmacia é unha palabra de orixe grega, pero non chega ó noso idioma até antonte, como quen di (a maioría da xente galegofalante inicial di botica e non farmacia, eis unha proba), mentres que palabras como pazo ou vergonza (variante de vergoña e que non aparece na enumeración), ben patrimoniais a todo isto, teñen, no galego popular, as formas pazo ~ pacio e vergonza ~ vergoncia, e que, ademais, as formas con -cia van desaparecendo perante o avanzo das formas con -za (en moitos lugares chamados Pacio(s) a xente di pazo e non pacio)

Pazo ~ Pacio é a resultante de PALATIU > paaço > paço > pazo con caída do -l- (ele intervocálico), crase vocálica, conversión de [lj] en ç, logo en z (en galego actual non hai oposición xorda [s] / sonora [z]) [con seseo ou sen el] nunha zona (cada mez máis) maioritaria do territorio lingüístico galego.

Pois o mesmo debera pasar con Galiza ~ Galicia. E digo debera pasar porque no galego popular só se escoita *Galicia. Isto é debido a erosión, como *gallego por galego ou *Dios por Deus. Entón, por que utilizan un criterio para pazo e outro para Galiza, cando son formas que esixen un tratamento similar?

O papo que teñen é máximo cando din que Galicia é a forma toponímica oficial do noso país, aínda recoñecendo que Galiza é, tamén (sic), lexítima (ou sexa, propia) e que está documentada no galego medieval.

En español a forma esperable sería Gallicia (documentada no español antigo), aínda que despois foise xeneralizando Galicia (no español posterior e, insisto, por erosión, no galego posterior)

Sinalemos, a maiores, que 'esquecen' a forma Franza. No nomenclátor da Galiza administrativa é chamada así, con toda lóxica, é dicir, Franza, unha parroquia do Concello de Mugardos. Daquela... por que nos dicionarios aparece Francia, coa carga semántica de Estado Francés ou Hexágono?

Todo isto demostra que a decisión de consagraren Galicia e desbotaren Galiza é política e non lingüística, pois os seus argumentos (cando existen) non se sosteñen a ollos da ciencia lingüística.